Friday 19 de April de 2024

Doce mulleres emprendedoras realizarán o percorrido do Camiño entre Olveiroa e Fisterra para reforzar o rumbo das súas empresas e gañar seguridade


― A Consellería de Emprego e Igualdade convidou a 12 mulleres do programa Emega de emprendemento feminino a vivir dúas xornadas de convivencia no Camiño, que se celebrarán o 13 e 14 de novembro grazas ao programa EncamiñarRSE

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, en colaboración coa entidade Lingoreta, promove a iniciativa EncamiñaRSE, un programa que conxuga a ruta xacobea coa mellora dos negocios de doce mulleres emprendedoras beneficiarias do programa Emega.

As empresarias participarán nunha escapada de convivencia -os próximos 13 e 14 de novembro- na que farán en dúas etapas o percorrido do Camiño entre Olveiroa e Fisterra, en total 34,9 quilómetros de distancia, durante os que terán ocasión de compartir cocreación e aprendizaxes.

Con esta iniciativa, O Goberno galego busca conseguir o fortalecemento persoal e profesional de todas as participantes e contribuír a mellorar a súa capacitación como xestoras. Trátase de animalas a seguir crendo e loitando polo emprendemento, a pesares das dificultades, e de guialas no rumbo da idea empresarial.

A estrutura da experiencia leva como fío condutor o tramo do Camiño da Costa da Morte, que une Olveiroa cara a Fisterra. Este percorrido foi elixido polo seu carácter simbólico. Fisterra tense considerado o fin e o inicio de toda transformación, de aí que sexa elixido o mellor punto de finalización desta experiencia.